UN OUTONO DE ACTIVIDADE, CONTRA VENTO E MAREA

6 de Setembro de 2023

As Salas de Concertos Galegas retoman actividade en setembro tras a etapa estival, ofrecendo unha programación constante, inclusiva e variada.

Dende Clubtura, a Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, reivindican a necesidade de analizar o panorama musical nunha comunidade onde algunhas localidades apostan cada día máis por eventos multitudinarios e programación estacional.

A Coruña, mércores 6 de setembro de 2023.-

Setembro é mes de novos comezos, e as salas de concertos non son unha excepción: esta vindeira fin de semana será a posta de largo da nova tempada en case todas as salas de concertos de Galicia, e os programadores e programadoras adiantan: é momento de estar atentos a unha proposta sen precedentes.

E é que o colectivo de salas de concertos ven, nos últimos anos, de enfrontarse a un cambio de paradigma importante: unha sofreoferta de festivais, que deixan de circunscribirse soamente á etapa estival, e que cada vez contan con maior apoio público, e a necesidade de reinventar o sector tras a pandemia marcan esta nova etapa, na que as equipas de programación das salas reivindican “unha programación cultural sostible, que de cabida non só a bandas e artistas consagrados, senón tamén a novos talentos, que sexa accesible a toda a cidadanía e que supoña unha oferta de calidade pero, tamén, continuada no tempo, novidosa e inclusiva”, comenta Tomás Legido, vicepresidente de Clubtura.

Cos calendarios de concertos prácticamente pechados até ben entrado 2024, a directiva da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo advirte: “é imperativo que os e as responsables políticos das cidades e pobos de Galicia analicen a súa participación dentro do sector e a dirección das súas apostas culturáis en canto a axudas ao sector privado se refire”.