O CICLO CLUBE ESTRELA GALICIA CHEGA Á súa CUARTA EDICIÓN APOSTANDO POLO TALENTO MUSICAL GALLEGO NAS CATRO PROVINCIAS

17 de Outubro de 2019

O ciclo consolídase e na súa cuarta edición contará con 60 artistas que actuarán por toda a comunidade entre novembro de 2019 e maio de 2020.

 Clubtura e Estrela Galicia destacan a importancia dunha iniciativa que permite a bandas de gran talento actuar fóra da súa comarca para darse a coñecer a un novo público.

A Coruña, xoves, 17 de outubro de 2019.-

O Ciclo Clube Estrela Galicia regresa aos escenarios galegos. A Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, Clubtura, e Estrela Galicia renovan un ano máis a súa alianza -e xa van catro- nunha clara aposta polo talento musical galego. O ciclo supón, ademais, un importante respaldo de Estrela Galicia -patrocinador exclusivo- ás salas de concertos das catro provincias galegas, “que son o motor da cultura musical máis próximo ao público e o inicio de calquera banda”, como lembrou o presidente de Clubtura, Alberto Grandío durante a presentación do novo ciclo.

Nesta liña, Víctor Mantiñán, Responsable de Patrocinios Musicais de Estrela Galicia, salientou que “este ciclo serve para efatizar que Estrela Galicia é unha empresa con conciencia de empresa galega, e aposta por bandas que teñen gran proxección, como xa demostraron as tres edicións anteriores. Ademais, este acordo con Clubtura, permite levar a música en directo a todos os recunchos de Galicia.”

A cuarta edición de Clube Estrela Galicia comezará o próximo mes de novembro e programará 60 actuacións ata maio de 2020. Serán propostas artísticas nadas en Galicia e que compoñen os seus propios temas, xa que o ciclo non admite bandas de versións.

Clube Estrela Galicia combina artistas dunha longa traxectoria musical que xa contan co favor de público e crítica, como Moon Cresta ou Pardo, con outras propostas que naceron hai pouco, como Allova ou Nítido, e que teñen así a oportunidade de actuar #ante un público novo, lonxe da súa comarca, mellorando a súa proxección. A cuarta edición deste ciclo empezará en Ourense a primeira semana de novembro e desde alí estenderase unha programación ecléctica polas catro provincias.

Os primeiros concertos confirmados de Clube son:

  • 9 de novembro. Ponteareas (Pontevedra), JJ Copas.The Pretty Shirts + Nítido
  • 15 de novembro. Viu (Pontevedra), Acuario de Vigo: Pardo + Sabela King & The HeartBreakers
  • 15 de novembro, Laxe (A Coruña), A Xanela: Cora Velasco + Allova
  • 23 de novembro. O Barco de Valdeorras (Ourense), Café Teatro Baixo 5:Andhrea & The Black Cats + Airline
  • 21 de decembro, Vigo (Pontevedra), O Contrabaixo: Balea’ s + The Broke
  • 11 de xaneiro, Lugo, Clavicémbalo: Conduto Coloquio + Frying Luras
  • 01 de febreiro, A Coruña, Mardi Gras:Moon Crista + Frying Luras
  • 06 de marzo, Santiago (A Coruña), Moon: Leo Burke + Sleeping Cat

Nunha presentación dun ciclo que pretender enxalzar o talento musical galego, non podía faltar unha mostra do mesmo. A presentación do cuarto Clube Estrela Galicia contou coa actuación Carmela Pequena, acompañada polo baterista Bruno Couceiro e o baixista Ale Cambón. As cancións que compón esta artista permitíronlle actuar en festivais importantes como o Noroeste Estrela Galicia (2018) ou Elas Son Artistas (2019). Ambos forman parte da banda que acompaña na súa xira por España e Latinoamérica ao compostelán Fredi Leis.