Comeza a Semana da Música

10 de Xuño de 2016

A Asociación Estatal de Salas Privadas de Música en Directo ACCES, a Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, AGADIC e Estrella Galicia transformaron o Salón Real do consistorio municipal nun club de música para presentar a Semana da Música, unhas xornadas que encherán a cidade de concertos, charlas, talleres e creatividade entre o 13 e o 18 de xuño, nas que se enmarcará o XI Congreso Estatal de Salas de Concertos.

O acto, que contou coa presencia do Alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, a Vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, o Product Manager de 1906 e Estrella Galicia Víctor Mantián e o xerente de ACCES, Armando Ruah, congregou aos medios nun Salón Real onde un backñine completo presidía a rolda de prensa.

Ás xornadas profesionais destinadas a analizar a realidade actual do sector das salas de concertos uniranse este ano, por primeira vez, diversas accións abertas ao público que servirán non soamente para ampliar a formación de músicos, managers ou promotores, senón tamén para trasladar á cidadanía o amor e a paixón pola música en directo.

As actividades das xornadas plantéxanse organizadas en tres grupos diferentes: formación para profesionais do sector, profesionalización e divulgación, destinada esta última a todos os públicos.

Así, entre o luns e o sábado, os coruñeses poderán desfrutar de sesión formativas e masterclases dirixidas a artistas, managers, promotores, responsables de comunicación e profesionais da industria musical en xeral, diversos showcases de bandas locais emprazadas nas salas coruñesas membros de Clubtura e ACCES, e proxeccións documentais no CGAI centradas na música, que contarán coa experiencia de In-Edit.

 

O XI Congreso ACCES

Esta cita de carácter itinerante volta tras cinco anos a Galicia, enmarcada dentro da Semana da Música, onde Clubtura, a Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, será a anfitrioa da convocatoria. O XI Congreso de ACCES reunirá a preto de 60 programadores de salas de todo o estado, que durante estas xornadas debateran sobre a realidade e actualidade das salas de concertos.

“As nosas salas realizan 16.000 actividades ao ano nas que actúan 14.000 bandas e artistas, son frecuentadas por preto de 2.000.000 de persoas e xeran uns 1.200 postos de traballo directos”, explica Armando Ruah, xerente da Asociación ACCES e encargado de presentar o proxecto esta mañá ante os medios “e Galicia é un dos territorios nos que máis densidade de salas hai. Clubtura, a Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, é a asociación máis veterana de entre as hoxe federadas en ACCES, e a que máis salas asociadas aporta. Esta é unha das razón da nosa presencia en Galicia”.

A esta determinación súmase a colaboración do Concello da Coruña, que, tal e como explica Ruah “dende o primeiro encontro nos transmitiron o seu apoio e nos propuxeron que ampliáramos o noso programa de actividades para poder compartilas coa cidade, co sector profesional e coa escena emerxente local. De este encontro nace a Semana da Música en Directo da Coruña”.

Tal e como explicaba o Alcalde, Xulio Ferreiro “este proyecto encaixa perfectamente na forma de entender a cultura do Concello, no achegamento á cidadnía”. Pola súa parte, Goretti Sanmartín remarcaba a importancia do vencellamento de Clubtura, a Asociación Gallega de Salas, quen “representa para nos un colectivo fundamental, e é un orgullo saber que en Galicia somos representativos no sector”.

Pola súa banda Víctor Mantiñán, Product Manager de Estrella Galicia, destacó a implicación da marca coa industria musical “e concretamente coa música en directo, que é para nos un alicerce fundamental, porque Estrella Galicia non se entende xa sen a súa únión coa música”.

 

Unha semana enchida de ritmo

A Coruña converterase así na capital musical do estado durante toda unha semana, que conta, ademais de coa colaboración do consistorio municipal, co apoio doutas moitas entidades, tal e como explica Armando Ruah: “Non podemos deixar de nomear e agradecer tamén á Deputación da Coruña, que en canto tivo coñecemento da nosa Semana da Música quixo apoiar a iniciativa, e ao AGADIC. E por suposto a SON Estrella Galicia, que co seu coñecido compromiso coa música en directo é o noso principal patrocinador nesta Semana da Música”. O Proxecto conta ademais con outros moitos colaboradores, como o Ministerio de Educación, Cultura e Deportes, a Fundación SGAE, Músicos ao Vivo, Notikumi, Mutua Gallega, Idea Pro Audio, CGAI ou Inédit Beefeater.

Durante 6 días o Centro Cívico Cidade Vella acollerá no só as xornadas destinadas ao congreso, senón tamén outras moitas charlas e dinámicas abertas ao público, que contarán coa colaboración inestimable da Asociación Músicos Ao Vivo, a IAE (Artistas, Intérpretes e Executantes), Fundación SGAE “e dos festivais e circuitos que favorecen a circulación dos artistas en salas de concertos, que son e será o eslabón imprescindible para o desenrolo dos artistas”, explica Ruah.

Consulta o programa completo AQUÍ