Volve por segundo ano consecutivo o ciclo de concertos ClubE, organizado pola asociación de salas de música ao vivo, Clubtura, e grazas ao patrocinio de Estrella Galicia. Ao longo dos vindeiros meses, as salas socias acollerán ata 60 actuacións de bandas galegas, repartidas en 30 concertos por toda Galicia.
A iniciativa é unha aposta clara de Clubtura e Estrella Galicia pola música galega en directo e pola creatividade dos artistas que compoñen a súas propias pezas, para o desfrute do público das catro provincias.
Cada un dos concertos programados contará cunha banda principal e unha segunda menos coñecida ou de traxectoria máis curta que actúa fóra da súa bisbarra co obxectivo de darlle a oportunidade de chegar a novos públicos.
Abrirán a segunda edición de ClubE Clavicémbalo de Lugo, Pub Gatos de Melide e a Ventana de Laxe antes de que remate o 2017, con Oima e Vadim Yukhenevich; Ship of Fools e Blues do País e Igloo e Plan Siberia, respectivamente. O próximo ano as actuacións chegarán a salas como o Jazz Filloa na Coruña, Aturuxo de Bueu, Náutico de O Grove, ou o Café Auriense en Ourense.
Os prezos das entradas varían, pero case nunca superan os 10 euros.


