A Consellería de Cultura, Educación e Universidade inviste 200.000 euros nesta iniciativa, froito do convenio entre o seu departamento de Industrias Culturais e a asociación Clubtura, ademais de contar coa complicidade de Músicas ao Vivo
Ata 115 artistas e bandas presentan os seus directos en 19 espazos das catro provincias ao abeiro desta iniciativa, inserida na oferta cultural do Xacobeo 21-22
Clubtura e a Xunta de Galicia, a través do AGADIC, veñen de presentar “Música en Salas”, un novo ciclo nacido dun convenio asinado entre ambas partes, por valor de 200.000€, que levará 115 artistas galegos a 19 salas de concertos de toda Galicia.
Os obxectivos e a programación de Música en salas foron detallados hoxe en Vigo no transcurso da presentación na que participaron a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o presidente de Clubtura, Alberto Grandío, e o xerente de Músicas ao Vivo, Manuel Alonso. O acto, que tivo lugar en La Fábrica de Chocolate Club, contou cunha breve interpretación musical de Los EP, grupo que actuará nesta mesma sala viguesa o vindeiro día 16.
Espazos clave para a industria musical
Pola súa banda, Marta Fernández-Tapias, incidiu na importancia de que este ciclo de concertos se presente en Vigo, “berce de grandes músicos”. Unha iniciativa que, segundo as súas palabras, será determinante para a posta en valor da escena musical viguesa, coa actuación de 16 grupos na Fábrica de Chocolate e na sala Kominsky. “Grupos que agora máis que nunca precisan do noso apoio nesta volta aos escenarios”, concluíu.
Ata o 19 de decembro
Música en salaslevantou o pano no Garufa Club da Coruña o pasado día 4 con le Rue Band e a súa aproximación ao jazz dos anos 20 do pasado século e rematará o 19 de decembro no Club Clavicémbalo de Lugo co rock e blues da Martins Aneiros Band.
Entre ambas as datas, actuarán neste ciclo referentes do jazz galego coma Juyma Estévez Trío, Sumrrá ou dATrío, nomes propios do soul como Adrián Costa ou da música urbana como Youcanthide. Tamén forman parte da programación representantes do hip hop en galego como Xeva, a proposta grunge e metal de Grima, a música lixeira de Tony Lomba, o indie de The Rapants, a viaxe de Belém Tajes ás súas orixes galaico-arxentinas ou o son enérxico, con perspectiva feminista e social, de Habelas Hailas, entre outras moitas propostas.


