CLUBE ESTRELLA GALICIA RETOMA A SÚA PROGRAMACIÓN CON DOUS CONCERTOS EN AGOSTO

30 de Xullo de 2020

O pub Gatos de Melide acollerá o sábado 1 de agosto a actuación de Susie Q’s e Ámbalas. Na sala A Ventana de Laxe, está programado para o 12 de agosto o concerto de Maraya Zideco e Oima

A Coruña, xoves 30 de xullo de 2020.-

Regresa a música en directo de Clube Estrella Galicia despois dos meses de parón pola Covid-19. A Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, Clubtura, e Estrella Galicia retoman con todas as medidas de seguridade e hixiene esta cuarta edición na que se mantén  o espírito do ciclo ao combinar artistas dunha coñecida traxectoria musical, que conta co favor do público e a crítica, con  outras propostas emerxentes.

O sábado 1 de agosto, o pub Gatos de Melide contará coa actuación de Susie Q’s e Ámbalas. Os primeiros son unha banda que toma como base o rock&roll con acordes de country ou blues. Susie Q’s ten tocado en numerosas salas e festivais de toda a xeografía galega, cunha gran acollida por parte do público en cada un dos seus directos.

Ámbalas é un dúo feminino composto pola cantautora arzuá Aldara Gómez e a artista multidisciplinar Carlota  Casal. Xuntas danlle forma a composicións –tanto poéticas como musicais- que ambas artistas foron compoñendo por separado ao longo dos  anos e que agora integran neste proxecto. Nel podemos atopar desde as visións máis intimistas de cada unha como momentos festeiros e algo gamberros con versións de grandes éxitos do pop e rock, moi a súa maneira.

En A Ventana, Laxe, Maraya Zideo e Oima actuarán o 12 de agosto. Michael Lee Wolfe, Silvia Fernández, Alejandro Blanco, Ethan Winogrand e María Álvarez integran Maraya Zideco. Unha banda única no norte de España que se move entre o zydeco, cajún, blues, american roots. Tras comezar este proxecto en 2010 foron nomeados aos premios Amas no 2012. Oima é música de tradición galega e europea creada por Antía Aeixeira (violino), Olalla Liñares (clarinete) e Martiño Senande (acordeón diatónico).

Ao respecto das medidas de seguridade e hixiene se levará a cabo a limpeza e desinfección do local e mobiliario, ademais de respectar o aforo de dous terzos de cada local. Os clientes estarán sentados a unha distancia de seguridade de 1,5 metros e o uso da máscara será obrigatorio tanto para traballadores da sala como para clientes, que terán a súa disposición –á entrada e en lugares accesibles- xeles hidroalcohólicos. O uso do baño será individual nos casos que así o exixen os protocolos sanitarios e cada sala levará un rexistro voluntario dos teléfonos dos asistentes para un posible rastreo no caso de que, días despois do evento, se detecte un positivo. Desde a organización recordan que esta base de datos estará dispoñible só para as autoridades sanitarias e destruirase aos 28 días.

Clube Estrella Galicia é unha clara aposta polo talento musical galego,posto que só actúan formacións con temas propios. O ciclo supón, ademais, un importante respaldo de Estrella Galicia –patrocinador exclusivo- ás salas de concertos das catro provincias galegas. Estes directos forman parte das 60 actuacións qeu estaban previstas para este 2020.

 

AXENDA CLUBE ESTRELLA GALICIA AGOSTO

Que: Susie Q’s + Ámbalas

Onde: Pub  Gatos. Melide

Cando: sábado, 1 de agosto, 00.00

Entrada: 5€

_ _

Que: Maraya Zideco + Oima

Onde: A Ventana. Laxe

Cando: mércores, 12 de agosto. 23. Horas

Entrada: 3€