Música folk, tradicional e proxectos persoais dunha altísima calidade compoñen a oferta do próximo mes
O circuíto programa oito directos ao longo do mes nas salas da provincia coruñesa, e a Jazz Filloa súmanse Moon, A Ventana e Baba Bar
A Coruña, mércores, 26 febreiro.-
A Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, Clubtura, e Estrella Galicia continúan coa cuarta edición do Ciclo Clube Estrella Galicia. A programación de marzo comezará na sala Jazz Filloa co mellor jazz dos anos 20, para dar paso ao folk, a música tradicional e proxectos persoais de altísimo nivel que se poderán ver nas salas da provincia coruñesa: Moon, A Ventana e Baba Bar. Fieis ao espírito do ciclo, combinan artistas dunha coñecida traxectoria musical, que xa conta co favor do público e da crítica, con outras propostas emerxentes.
O 4 de marzo, no Jazz Filloa actuará La Rúe. Unha banda revelación cun son enérxico e moito rito, ao máis puro estilo do jazz dos anos 20. A formación está integrada por Miguel González (saxos, música e arranxos); José Ares (batería); Alber Grela (guitarra); Gueorgui Oganesian (saxo baritone e voz). Como banda emerxente contarán coa formación tipo jamm Pab-Lito Duo.
Só dous dias despois, Clube Estrella Galicia chegará á sala santiaguesa Moon con Sleeping Cat e Leo Burke. Da cabeza de Jerry Noia nace o primeiro proxecto en 2010 cun son claro de corte folk americano e referencias británicas. Chega co seu último traballo baixo o brazo: In the forest coa intención de facerse un oco no panorama musical da man do produtor Juan de Dios Martin (Amaral, Deluxe, Xoel López, Barón Rojo, entre outros moitos). Leo Burke ten editado o seu primeiro traballo Ladridos de Inverno, no que demostra un talento innato nas súas composicións e melodías.
Na Ventana, Laxe, Maraya Zideco e Oima actuarán o 20 de marzo. Michael Lee Wolfe, Silvia Fernández, Alejamdro Blanco, Ethan Winogrand e María Álvarez integran Maraya Zideco. Unha banda única no norte de España que se move entre o zydeco, cajún, blues, american roots. Tras comezar este proxecto no 2010 foron seleccionados aos premios Amas en 2012. Oima é música de tradición galega e europea creada por Antía Ameixeira (violino), Olalla Liñares (clarinete) e Martiño Senande (acordeón diatónico).
O recoñecido vocalista e guitarrista de Loretta Martin, Brais Morán, dará un concerto no Baba Bar o 27 de marzo. O artista atópase inmerso nesta nova etapa artística en solitario, con cancións disco-funk, ritmos afrobrasileiros e toques cálidos da música tradicional galega. Xunta a el, subiranse ao escenario a súa banda habitual: Fran Sanz (baixo), Marcos Pazos (batería), Manu Seoane (guitarras).
Cachas&Cousins chegan desde Santiago coa intención de transmitir a súa paixón polo rocksteady e outros ritmos xamaicanos. A banda conta con influencias como Saktalites, Philis Dillon, Desmond Dekker, Bob Marley, Delegators ou Byron Lee.
Clube Estrella Galicia é unha clara aposta polo talento musical galego, posto que só actúan formacións con temas propios. O ciclo supón, ademais, un importante respaldo de Estrella Galicia –patrocinado exclusivo- ás salas de concertos das catro provincias galegas. Estes directos forman parte das 60 actuacións que se desenvolverán ata maio de 2020.
AXENDA:
Que: La Rúe + Pab-Lito Jazz Duo
Cando: 4 marzo. 22 horas
Onde: Jazz Filloa
Entradas: 8€
_ _
Que: Sleeping Cat + Leo Burke
Cando:6 de marzo
Onde: Sala Moon
Entradas: 5€
_ _
Que: Maraya Zideco + oima
Cando: 20 de marzo
Onde: A Ventana
Entradas: gratuitas
_ _
Que: Brais Morán + Cachas&Cousins
Cando: 27 de marzo. 22 horas
Onde: Baba Bar
Entradas: 12€


