Estatutos

As nosas bases

A base legal e ética de Clubtura

A Xunta Directiva de Clubtura está formada por profesionais comprometidos coa defensa e o desenvolvemento das salas de música en directo en Galicia. Este equipo traballa día a día para fortalecer o sector, representar aos nosos asociados e asegurar que a música en directo teña un papel destacado na nosa cultura.

CAPÍTULO I: DENOMINACIÓN, FINS, ENDEREZO E ÁMBITO

ARTIGO 1º.- DENOMINACIÓN

Coa denominación de CLUBTURA referirémonos de agora en diante á Asociación Galega de Salas de música ao vivo, a que se constitúe como unha asociación profesional ao amparo da Lei 19/1977, do 1 de abril e publicada no BOE do 4 de abril, e normas complementarias, e que se rexerá polos presentes Estatutos e polo Regulamento de Réxime Interior. Dita asociación gozará de personalidade xurídica e plena capacidade de obrar necesaria para o cumprimento dos seus fins. De agora en diante poderemos referirnos indistintamente a esta asociación como CLUBTURA ou como a “Asociación”.

ARTIGO 2º.- FINS

A existencia da Asociación ten como fins:

  1. Convertir a CLUBTURA nunha asociación capaz de englobar e representar todas e cada unha das salas de música ao vivo asociadas existentes na Comunidade Galega.
  2. Lograr o recoñecemento cultural das salas de música ao vivo privadas ante as administracións da Xunta de Galicia e, de forma prioritaria, ante a Consellería de Cultura.
  3. Homoxeneización e regularización das licenzas que soliciten as Salas Asociadas, coa finalidade de que a súa concesión pase a depender da Administración de Cultura.
  4. Convertir a CLUBTURA na máxima representación autonómica das salas de música ao vivo privadas, ante as Administracións Autonómica, Estatal e Europea.
  5. A promoción, comunicación e difusión da música ao vivo.
  6. Favorecer a creación e mantemento de espazos para a música ao vivo.
  7. Integración das actividades e equipamentos das Salas Asociadas no tecido cultural dos concellos e da Comunidade Autónoma Galega.
  8. Creación de circuitos de traballo e mecanismos de difusión conxuntos e comúns.
  9. Conseguir unha protección especial para as salas privadas de pequeno e mediano aforo.
  10. Conseguir a dotación dun orzamento anual e estable para CLUBTURA por parte da Xunta de Galicia e outras institucións públicas e privadas.
  11. Fomentar acordos entre colectivos de artistas e as salas asociadas para beneficio de ambos.
  12. Entablar, cando sexa conveniente, relacións con medios e publicacións especializadas, nacionais e/ou internacionais para a difusión dos fins, obxectivos e actividades de CLUBTURA.
  13. Protexer xurídica e moralmente ás salas asociadas.
  14. Promover e mellorar a visión colectiva das salas de música ao vivo co fin de equiparalas coas institucións culturais.
  15. Perseguir a equiparación de recursos entre as salas de música ao vivo privadas e as públicas.
  16. Fomentar o turismo cultural en Galicia, concretamente o vencellado á música en directo, desestacionalizando o mesmo e traballando para garantir unha proposta cultural continua, atractiva e diversa.

ARTIGO 3º.- ACTIVIDADES

Para o cumprimento destes fins realizaranse, entre outras, as seguintes actividades:

  • Reunións periódicas
  • Comisións de traballo
  • Foros de debate
  • Calquera outra actividade convinte para o desenvolvemento dos fins da asociación.

ARTIGO 4º.- ENDEREZO, ÁMBITO TERRITORIAL E ÁMBITO TEMPORAL

CLUBTURA establece o seu enderezo social no domicilio do seu secretario:

Rúa Pizarro 35 3D 36204 Vigo

Este enderezo modificarase sempre que a xunta directiva mude.

CAPÍTULO II: DAS SALAS ASOCIADAS

ARTÍCULO 5º.- INGRESO

Poderán asociarse a CLUBTURA todas aquelas salas privadas que realicen actuacións de música ao vivo, sempre e cando cumpran cos seguintes requisitos:

  1. Que ditas salas pertenzan ou estean representadas por persoas, tanto físicas como xurídicas, que sexan titulares dos correspondentes documentos que permitan a realización de concertos en directo de forma regular. Se estes documentos non se corresponden cunha licenza, corresponderá á Xunta Directiva avaliar o caso particular para permitir a entrada da sala, e a Asemblea ratificar a decisión.
  2. Que ditas persoas acrediten ter representación da/s sala/s onde se desenvolva a actividade; xa sexa mediante un contrato de arrendamento, de propiedade, de cesión para a xestión do espazo, ou de incorporación da/s sala/s á asociación.
  3. Que ditas persoas representen salas de música cunha programación continuada e estable que conte cun mínimo de 35 actuacións anuais de música en directo (non serán computables as actuacións de DJ’s), ademais doutras actividades. En casos excepcionais, como poden ser salas que programan habitualmente en concellos de menor poboación, terán que realizar como mínimo 25 actuacións ao ano e a súa incorporación será valorada pola Xunta Directiva. Poderán formar parte da asociación como asociados de pleno dereito coa aprobación da maioría dos votos. Excepcionalmente e en base ás especiais características que poidan presentar estas salas de concellos de menor poboación, a Xunta Directiva aprobará a súa integración sempre que así se aprobe pola maioría dos seus membros.
  4. Que ditas salas teñan como ámbito territorial de actuación a Comunidade Autónoma Galega.
  5. Que as salas teñan, polo menos, 2 anos de programación continuada e que realicen como actividade principal actuacións de música en directo, independentemente de que programen ou non outro tipo de actividades culturais.
  6. Que os representantes presenten unha solicitude de ingreso na que fagan constar os seguintes puntos:
    6.1.- A aceptación e cumprimento da totalidade dos Estatutos de CLUBTURA.
    6.2.- A aceptación dos fins e filosofía de CLUBTURA.
    6.3.- O compromiso de acatar os Estatutos de CLUBTURA e os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno.
    6.4.- O compromiso de abonar a cota periódica que acorde a Asemblea Xeral, así como de cumprir cos compromisos financeiros que se deriven da súa pertenza á mesma.
    6.5.- O compromiso de participar regularmente nas reunións e actividades de CLUBTURA e desempeñar fielmente e con eficacia os cargos que ostenten.
    6.6.- No caso de querer inscribirse unha sala de música ao vivo:
    • Forma xurídica e composición societaria.
    • Ficha técnica da sala.
    • Planos da sala.
    • Logo da sala.
    • Aforo da sala.
    • Memoria completa da actividade desenvolvida ata o momento.
    • Declaración de intencións e proxecto musical.
  7. Unha vez cumprimentados os requisitos esixidos, a incorporación da nova Sala Asociada deberá ser aprobada por maioría simple dos votos, previa consulta a todas as salas asociadas pola Xunta Directiva, que se reservará o dereito de enviar a un dos seus compoñentes a visitar a/s sala/s. Obtida a aprobación da Xunta Directiva, a alta do novo membro non deberá ser ratificada pola Asemblea Xeral. Sen embargo, o Presidente deberá comunicar verbalmente a esta, aínda que con carácter meramente informativo, que a Xunta Directiva aceptou o ingreso como Sala Asociada da organización que reúne os requisitos establecidos nos Estatutos.

Unha vez cumpridos todos os requisitos e obtida a aprobación da Xunta Directiva, a sala que se incorpore como nova Sala Asociada deberá liquidar a correspondente cota periódica. O abono de ambas cotas é un requisito imprescindible para a efectiva alta da nova Sala Asociada. A cota será fixada cada ano pola Xunta Directiva e abonarase conforme ás normas establecidas a tal efecto no dispositivo terceiro do RÉXIME INTERIOR..

ARTIGO 6º.- DEREITOS DAS SALAS ASOCIADAS

As Salas Asociadas terán os seguintes dereitos:

  1. Tomar parte en cantas actividades organice CLUBTURA en cumprimento dos seus fins.
  2. Disfrutar de todas as vantaxes e beneficios que CLUBTURA puidera obter.
  3. Participar nas Asembleas con voz e voto nos termos establecidos nos presentes Estatutos e normas complementarias.
  4. Ser electores e elixibles para os cargos directivos.
  5. Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos de CLUBTURA.
  6. Facer suxestións aos membros da Xunta Directiva en orde ao mellor cumprimento dos fins de CLUBTURA.

ARTIGO 7º.- DEREITO DE VOTO

A cada Sala Asociada corresponderalle un voto. Os cálculos sobre o número de votos que corresponda a cada Sala Asociada faranse en base aos datos da última renovación censal.

O impago de 3 (tres) cotas, sucesivas ou non, deixará en suspenso o dereito de voto da Sala Asociada morosa. A acumulación de 4 (catro) cotas impagadas será causa automática de anulación da condición de Sala Asociada.

As votacións serán secretas, agás que, a proposta do Presidente e por maioría simple, se acorde facelo a man alzada.

ARTIGO 9º.- CAUSAS DE BAIXA DAS SALAS ASOCIADAS

As Salas Asociadas causarán baixa por algunha das seguintes causas:
  1. Por renuncia voluntaria, comunicada por escrito á Xunta Directiva, que non as eximirá de satisfacer as obrigas pendentes con CLUBTURA.
  2. Por incumprimento das súas obrigas económicas, se acumulan un total de 4 (catro) cotas periódicas impagadas.
  3. Por conducta incorrecta ou por desprestixiar a CLUBTURA con feitos ou palabras que perturben gravemente os actos organizados pola mesma e a normal convivencia dos Asociados, previa votación da Asemblea.
  4. Por incumprimento de calquera punto ou requisito da normativa de inclusión ou de funcionamento para pertencer a CLUBTURA.
  5. Por falsidade no subministro de datos a CLUBTURA.
  6. Por falta de compromiso ou incumprimento da normativa de réxime interior.
  7. Por mal uso do nome e/ou logotipo de CLUBTURA, por unha utilización indebida do mesmo ou por non facelo figurar segundo os criterios de CLUBTURA.

A baixa farase efectiva no prazo de 15 (quince) días desde a comunicación da mesma.

CAPÍTULO III: XUNTA DIRECTIVA

ARTIGO 10º.- DEFINICIÓN

CLUBTURA será dirixida, gobernada e administrada por unha Xunta Directiva.
Todos os cargos serán completamente gratuitos.

ARTIGO 11º.- COMPOSICIÓN DA XUNTA DIRECTIVA

A Xunta Directiva estará composta por un mínimo de catro membros. No caso de nomearse só 4 (catro) membros, estes ocuparán os cargos necesarios de Presidente/a, Vicepresidente/a, Secretario/a e Tesoureiro/a. Se se nomea un número de membros que exceda os 4 (catro), dito exceso destinarase ao nomeamento dos cargos optativos de Vogais ata alcanzar o máximo de 10 (dez) membros na Xunta Directiva.

A elección de Vogais será optativa, é dicir, poderase constituír a Xunta Directiva coa única presenza do/a Presidente/a, Vicepresidente/a, Secretario/a e Tesoureiro/a. Non obstante, unha vez elixidos Vogais para formar parte da Xunta, estes pasarán a ter un cargo equiparable ao resto de membros da Xunta Directiva.

Todos os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán designados pola Asemblea Xeral e o seu mandato terá unha duración de dous anos. Serán indefinidamente reelixibles polos mesmos períodos de tempo, o que implica que, se dous meses antes da renovación do mandato non renuncian ao seu cargo ou ben non son destituídos, entenderase que manifestan o seu tácito consentimento para continuar desenvolvendo as súas funcións.

Dita continuidade quedará subordinada á existencia ou non de candidaturas para ocupar cargos na Xunta Directiva, as cales deberán presentarse antes dos 20 (vinte) días previos á Asemblea Xeral con eleccións.

Non poderán ser membros da Xunta Directiva aquelas persoas que representen intereses contrarios aos obxectivos de CLUBTURA.

ARTIGO 12º.- BAIXA DOS MEMBROS DA XUNTA DIRECTIVA

Os membros da Xunta Directiva poderán causar baixa:

  • Por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva antes dos dous meses previos á finalización do seu mandato.
  • Por incumprimento das obrigas que tiveran encomendadas, a criterio da Asemblea Xeral.

ARTIGO 13º.- CONTINUIDADE DO CARGO ATA A EFECTIVA SUBSTITUCIÓN

Os membros da Xunta Directiva que esgotaran o prazo para o que foron elixidos, continuarán ostentando os seus cargos ata o momento no que se produza a aceptación dos que lles substitúan.

ARTIGO 14º.- REUNIÓNS DA XUNTA DIRECTIVA

A Xunta Directiva reunirase:

  • En sesión ordinaria: terá lugar un mínimo de catro veces ao ano.
  • En sesión extraordinaria: nos casos en que calquera dos membros a solicite.

A Xunta quedará válidamente constituída cando asistan a metade máis un dos seus membros. Os membros da Xunta Directiva que, por motivos xustificados, non poidan asistir a unha reunión poderán delegar o seu voto por escrito nos seus representantes. Non obstante, os Vogais só terán dereito a voto cando asistan á reunión, sen posibilidade de delegación a favor doutros membros.

Para que os acordos sexan válidos, deberán ser aprobados por maioría simple dos votos. No caso de empate en segunda volta, o voto do/a Presidente/a será de calidade.

Convocatoria

O/a Presidente/a da Xunta Directiva, ou a persoa que lle substitúa, convocará a reunión vía e-mail cun mínimo de 3 (tres) días de antelación sempre que sexa posible.

A convocatoria indicará a data, hora e lugar da reunión, así como os asuntos incluídos na Orde do Día. No apartado de rogos e preguntas recolleranse todas as propostas formuladas por escrito polos membros da Xunta, sempre que sexan recibidas cun mínimo de 15 días de antelación á data da convocatoria.

Os acordos tomados pola Xunta Directiva anotaranse nun Libro de Actas e serán comunicados a todos os membros da Xunta e ás Salas Asociadas que o soliciten.

As votacións serán públicas, agás que, a proposta de calquera membro e aprobada por maioría simple, se acorde realizalas de forma secreta.

Cada membro da Xunta terá dereito a 1 (un) voto, que poderá utilizar persoalmente ou por delegación conferida a outro membro da Xunta, por escrito e con carácter específico para a Asemblea da Xunta Directiva. Cada membro da Xunta poderá ostentar un máximo de 2 (dúas) delegacións.

ARTIGO 15°.- ELECCIÓN DOS MEMBROS DA XUNTA DIRECTIVA

Procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva

a) A convocatoria de eleccións á Xunta Directiva comunicarase ás Salas Asociadas cunha antelación mínima de 20 días e incluirase na correspondente convocatoria formal da Asemblea Xeral. Deste xeito, as Salas Asociadas recibirán a celebración de eleccións á Xunta Directiva como un dos puntos da Orde do Día da convocatoria da Asemblea Xeral.

b) Na convocatoria de eleccións á Xunta Directiva faranse constar as persoas que forman a Xunta Electoral e a Orde do Día, que incluirá, entre outros posibles puntos, a elección da nova Xunta e formará parte da Orde do Día da Asemblea Xeral.

c) Desde a convocatoria de eleccións á Xunta Directiva abrirase un prazo de 15 (quince) días naturais para a presentación de candidaturas.

d) Toda Sala Asociada, polo mero feito de selo, poderá presentar a súa candidatura á elección de membro da Xunta Directiva, de forma individual ou conxuntamente con outros Asociados a través dunha candidatura. Cando a Sala Asociada sexa unha persoa xurídica, deberá designar unha persoa física que actúe no seu nome, representación e intereses.

e) Cada asociado/a candidato/a ou candidatura que se presente á elección da futura Xunta Directiva deberá presentar á Xunta Electoral un informe co nome do/a candidato/a, historial profesional do/a mesmo/a e, no seu caso, unha breve reseña da candidatura coa que se presenta.

f) Deberanse pechar as listas de candidaturas presentadas para cada un dos postos da Xunta Directiva cando menos 20 (vinte) días antes da celebración da Asemblea Xeral. Así mesmo, comunicarase a todas as Salas Asociadas a lista de candidaturas presentadas cun prazo de cando menos 10 (dez) días naturais antes da celebración da Asemblea Xeral.

g) Os/as asociados/as candidatos/as e/ou candidaturas terán dereito a acceder e utilizar a versión actualizada que teña o/a Secretario/a das bases de datos das Salas Asociadas, coa finalidade de publicitar de forma adecuada a súa candidatura durante o período electoral.

h) Na Xunta Directiva ningún membro poderá ter máis dun posto, independentemente do seu xeito de elección.

i) A elección levarase a efecto durante a Asemblea Xeral. En dita Asemblea Xeral admitirase o voto por delegación. Non procederá a emisión do voto por delegación se o/a asociado/a asiste á convocatoria de xeito persoal.

j) As persoas elixidas entran en funcións despois de aceptar o cargo. O nomeamento e cese dos cargos será certificado polo/a Secretario/a saínte, coa aprobación do/a Presidente/a saínte.

ARTIGO 16°.- REVOCACIÓN OU CESE DOS CARGOS ENTRE OS MEMBROS DA XUNTA DIRECTIVA

Para a revocación ou cese de calquera dos cargos da Xunta Directiva, precisarase o acordo da Asemblea Xeral adoptado por maioría simple dos votos presentes e representados en dita Asemblea.

ARTIGO 17°.- CONSTITUCIÓN DA XUNTA DIRECTIVA

A Xunta Directiva considerarase validamente constituída cando concorra á reunión a metade máis un dos seus membros ou cando se alcance ese número sumando os membros presentes e aqueles que delegasen o seu voto noutros membros da Xunta. Admítese a delegación de voto cando a ausencia do membro da Xunta Directiva estea xustificada e cando dita delegación se realice a outro membro da Xunta que non reciba un total de delegacións superior a 2 (dúas).

As decisións adoptaranse por maioría simple dos votos computados ao inicio da reunión. En caso de empate, o voto do/a Presidente/a, ou de quen detente a súa delegación, será dirimente. A Xunta Directiva poderá propoñer á Asemblea Xeral o cese como membro da Xunta daqueles que, sen causa xustificada, non asistan ás reunións en dúas ocasións consecutivas. Para o cese, estarase ao disposto no artigo 16.

Nas reunións, os membros da Xunta Directiva que comparezan poderán recibir un máximo de 2 (dous) votos por delegación de entre os membros que non puidesen asistir. A delegación de voto deberá presentarse por escrito ao/á Presidente/a ou ao/á Secretario/a ao comezo da reunión.

As decisións tomadas en reunións onde se producira o voto por delegación quedarán reflectidas na acta correspondente. Se se producira un ulterior desacordo por parte do que delegou o seu voto con algunha ou varias das decisións tomadas, este terá un prazo de 10 días naturais para presentar a súa rectificación.

As discusións e acordos das sesións da Xunta Directiva recolleranse no correspondente Libro de Actas, que será redactado e asinado polo/a Secretario/a co visto e prace do/a Presidente/a.

ARTIGO 18º.- FACULTADES DA XUNTA DIRECTIVA

Son facultades da Xunta Directiva:

  1. Dirixir as actividades sociais e levar a xestión económica e administrativa de CLUBTURA, acordando realizar os oportunos contratos e actos.
  2. Executar os acordos da Asemblea Xeral.
  3. Elaborar e someter á aprobación da Asemblea Xeral os orzamentos anuais e o estado de contas.
  4. Elaborar o Regulamento de Réxime Interno, que será aprobado pola Asemblea Xeral.
  5. Resolver sobre a admisión de novas Salas Asociadas, previo paso á resolución final adoptada pola Asemblea Xeral.
  6. Nomear delegados para algunha determinada actividade da Asociación.
  7. Exercer calquera outra facultade que non sexa da exclusiva competencia da Asemblea Xeral.
  8. Propoñer á Asemblea Xeral os programas de actuacións e actividades que se vaian a levar a cabo.
  9. Elaborar a Memoria Anual de actividades e entregala ao/á Presidente/a para que a someta á aprobación da Asemblea Xeral.
  10. Inspeccionar e velar polo normal funcionamento dos servizos que teña establecidos CLUBTURA.
  11. Decidir en materia de cobros e ordenación de pagos.
  12. Presentar á Asemblea Xeral, para a súa aprobación ou non, as solicitudes de altas e baixas das Salas Asociadas ou membros.
  13. Acordar a adquisición e contratación de persoas, bens e servizos, así como exercer accións xudiciais e administrativas. A Xunta Directiva poderá, a título enunciativo e non limitativo:
    • Comprar e vender inmobles.
    • Permutar e canxear toda clase de bens mobles, incluíndo valores mobiliarios.
    • Aceptar hipotecas en garantía dos créditos de CLUBTURA e cancelalas.
    • Operar con Bancos, Caixas de Aforro e establecementos de crédito, realizando todas as accións previstas na lexislación e prácticas bancarias, como abrir, seguir e cancelar contas correntes e dispoñer delas de calquera forma.
    • Librar, aceptar, endosar, intervir e negociar letras de cambio, cheques e demais títulos valores.
    • Constituír e cancelar depósitos de diñeiro, valores e efectos mercantís, prestar fianzas e constituír garantías sobre metálico e títulos valores para asegurar o cumprimento de obrigas da entidade.
    • Outorgar poderes coas facultades que determine, podendo revocalos cando sexa necesario.
  14. Realizar informes e estudos de interese para as Salas Asociadas ou membros de CLUBTURA.
  15. Participar, en nome de CLUBTURA, en organismos autonómicos, estatais e internacionais que se consideren convenientes, e designar os representantes correspondentes.
  16. Estudar e resolver cuestións en materia de disciplina social.
  17. Convocar de forma extraordinaria a Asemblea Xeral.

ARTIGO 19º.- FACULTADES DO/A PRESIDENTE/A DA XUNTA DIRECTIVA

O Presidente terá as seguintes atribucións:

  1. Representar legalmente a CLUBTURA ante toda clase de organismos públicos e privados.
  2. Convocar, presidir e levantar as sesións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva, así como fixar a correspondente Orde do Día.
  3. Dirixir as deliberacións de ambos órganos.
  4. Ordenar pagos e autorizar coa súa sinatura os documentos, actas e correspondencia.
  5. Adoptar calquera medida urxente que a boa marcha de CLUBTURA aconselle ou que resulte necesaria ou conveniente no desenvolvemento das súas actividades, sen prexuízo de informar posteriormente á Xunta Directiva.
  6. Representar a CLUBTURA ante calquera entidade ou organismo autonómico, estatal ou internacional e levar a sinatura da asociación.
  7. Subscribir contratos, outorgar poderes e executar accións de carácter mercantil ou xudicial coa debida autorización da Xunta Directiva.
  8. Presentar á Asemblea Xeral, en nome da Xunta Directiva, a Memoria Anual de actividades de CLUBTURA.
  9. Vixiar o exacto cumprimento de todas as disposicións aprobadas pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
  10. Fixar a Orde do Día para cada sesión.
  11. Se o considera conveniente, sinalar a hora exacta na que deba realizarse a votación en cada Asemblea Xeral.
  12. En caso de ausencia do/a Presidente/a, exercerá as súas funcións o/a Vicepresidente/a ou, na súa falta, o/a Secretario/a.

ARTIGO 20º.- FACULTADES DO/A SECRETARIO/A DA XUNTA DIRECTIVA

A) O/a Secretario/a terá as seguintes atribucións e características:

  1. Convocar, con 30 (trinta) días de antelación, cando sexa necesario, as reunións da Xunta Directiva, asistir ás mesmas, informar sobre todos aqueles extremos polos que se lle pregunte e levantar acta reflectindo os acordos adoptados.
  2. Executar as decisións que lle foran encomendadas pola Xunta Directiva, desenvolvendo para iso todas as actividades necesarias para a súa realización.
  3. Crear un censo das Salas Asociadas dentro do mes seguinte á constitución da Asociación, detallando o número de Salas Asociadas. Este censo renovarase automaticamente coas novas incorporacións de Salas Asociadas de pleno dereito. Previamente ás reunións da Asemblea Xeral e 20 (vinte) días antes da súa celebración, cada un dos membros da Asociación deberá remitir ao/á Secretario/a de CLUBTURA unha comunicación detallando a sala de concertos que representa.
  4. Previo acordo adoptado pola Xunta Directiva e sempre que o orzamento o permita, poderá contratarse persoal auxiliar e solicitar servizos externos para o cumprimento das funcións do/a Secretario/a e o seu bo funcionamento.
  5. O/a Secretario/a contará cun orzamento aprobado pola Asemblea Xeral, a proposta da Xunta Directiva. No caso de requirirse un gasto extraordinario adicional, este deberá ser aprobado pola Xunta Directiva.
  6. O/a Secretario/a poderá recibir, por delegación expresa, tarefas propias dos membros da Xunta Directiva.

B) Ao/á Secretario/a correspóndenlle, entre outras, as seguintes funcións e tarefas:

a) Función de información:

  1. Atención ao público en calquera das modalidades necesarias (correo electrónico, teléfono, correo postal, presencial, etc.).
  2. Atención aos membros de CLUBTURA e envío da información que lles poida interesar.
  3. Facer circular a información xerada por CLUBTURA, a Xunta Directiva e os membros que o soliciten expresamente, garantindo a difusión de información de interese para o colectivo entre os membros da Rede, os medios de comunicación e outros.

b) Función de formación:

  1. Organizar periodicamente seminarios, xornadas e debates.
  2. Xestionar, sempre que sexa necesario, cursos de formación que poidan beneficiar ás Salas Asociadas.
  3. Promover e difundir a imaxe e os obxectivos de CLUBTURA.

c) Xestión e coordinación dos recursos humanos asignados ao/á Secretario/a:

  1. Representar ao/á Secretario/a ante a Xunta Directiva.
  2. Informar ao equipo de persoal asignado ao/á Secretario/a das decisións da Xunta Directiva que lles afecten.
  3. Propoñer á Xunta Directiva necesidades de persoal para o bo funcionamento de CLUBTURA.
  4. Distribuír e supervisar as tarefas e funcións do equipo de traballo asignado.

d) Xestión administrativa a cargo do/a Secretario/a:

  1. Administrar e xestionar o uso da sede social de CLUBTURA, se a houbese.
  2. Relacionarse con provedores e subministradores de materiais ou servizos necesarios para o bo funcionamento da Asociación.
  3. Contratar servizos externos cando sexa necesario.
  4. Participar na organización da Asemblea Xeral, encargándose da convocatoria e do envío de todos os documentos necesarios para a súa realización (Orde do Día, Acta da Asemblea Xeral anterior, Memoria de Actividades, Memoria Económica, etc.).
  5. Deseñar, coordinar e executar o orzamento de CLUBTURA, sempre baixo o control da Xunta Directiva.
  6. Presentar á Xunta Directiva un informe sobre as actividades anuais realizadas por CLUBTURA.

ARTÍGO 21º.- FACULTADES DOS/AS VICEPRESIDENTES/AS DA XUNTA DIRECTIVA

O/a Vicepresidente/a substituirá ao/á Presidente/a en ausencia deste e terá as mesmas atribucións que él. En caso de ausencia do/a Vicepresidenta/a exercerá as súas funcións o/a Secretario/a.

ARTIGO 22º.- FACULTADES DO/A TESOUREIRO/A DA XUNTA DIRECTIVA

O/a tesoureiro/a recadará e custodiará os fondos pertencentes a CLUBTURA e dará cumprimiento ás órdes de pago que asine o/a Presidente/a.

ARTIGO 23º.- FACULTADES DOS VOGAIS DA XUNTA DIRECTIVA

Os Vogais terán as obrigas propias do seu cargo da Xunta Directiva, así como as que se xeren por medio de delegacións ou comisións de traballo que a Xunta ou a Asemblea lles encomende.

ARTIGO 24º.- VACANTES NA XUNTA DIRECTIVA

As vacantes que se puideran producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva serán
cubertas provisionalmente entre ditos membros, ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral Extraordinaria.

ARTÍGO 25º.- LEVANTAMENTO DE ACTA

De todas as reunións da Xunta Directiva, tanto ordinarias como extraordinarias, o/a Secretario/a levantará acta
que reflicte os acordos adoptados no tempo máximo de 15 (quince) días. As actas recolleranse nun Libro de
Actas e estarán asinadas polo/a Presidente/a e o/a Secretario/a da Asociación.

CAPÍTULO IV: ASEMBLEA XERAL

ARTIGO 26º.- DEFINICIÓN DA ASEMBLEA XERAL

A Asemblea Xeral é o órgano supremo de CLUBTURA e estará composta por todas as Salas Asociadas.

ARTIGO 27º.- REUNIÓN DA ASEMBLEA XERAL

As reunións da Asemblea Xeral serán ordinarias e extraordinarias. A ordinaria celebrarase unha vaz no ano. A extraordinaria celebrarase cando as circunstancias o aconsellen, a xuizo do/a Presidente/a, cando a Xunta Directiva o acorde ou cando o propoña por escrito un número de Asociados cunha representación non inferior a un 25% do total de salas representadas e con expresión concreta dos puntos a tratar.

ARTIGO 28º.- CONVOCATORIA DA ASEMBLEA XERAL E ESTABLECEMIENTO DA ORDE DO DÍA

As convocatorias da Asemblea Xeral serán ordinarias ou extraordinarias e serán comunicadas por escrito expresando o lugar, día e hora da reunión, así como a Orde do Día. A Orde do Día correspondente, que incluirá a relación de asuntos sometidos a aprobación e debate, será enviada, xunto coa convocatoria da Asemblea Xeral Ordinaria, a todos os membros de CLUBTURA cando menos con 10 (dez) días de antelación á data prevista de celebración da asemblea. Nos casos nos que dita Orde do Día inclúa a elección de membros á Xunta Directiva, a convocatoria deberá enviarse cunha antelación mínima de 20 (vinte) días. Na convocatoria poderá facerse constar a data na que se reunirá a Asemblea en segunda convocatoria, sen que entre unha e outra poida mediar un prazo superior a unha hora.

b) Calquera membro de CLUBTURA poderá solicitar a inclusión dun asunto na Orde do Día ou, no seu caso, situar dito asunto con carácter prioritario. Ditos membros deberán enviar a solicitude á Xunta Directiva nos 10 (dez) días seguintes á recepción da convocatoria da Orde do Día, xunto á documentación ou argumentación que así o xustifique.

c) A documentación básica que debe ir xunto a cada un dos asuntos incluídos na Orde do Día remitirase a todos os membros de CLUBTURA que o soliciten con, cando menos, 2 (dous) días de antelación á celebración da Asemblea Xeral Ordinaria.

d) A Xunta Directiva poderá acordar, por razóns de urxencia, a inclusión dun determinado asunto na Orde do Día aínda que non se cumprisen os trámites regulamentarios.

e) A Orde do Día da Asemblea Xeral poderá ser alterada por acordo desta a petición do/a Presidente/a ou dalgún membro asistente, sendo, en todo caso, o primeiro punto da Orde do Día a ratificación e/ou aprobación do mesmo e, en segundo lugar, a ratificación da Acta da Asemblea Xeral Ordinaria anterior, de conformidade co previsto nos Estatutos.

ARTIGO 29º.- ACREDITACIÓN DAS SALAS ASCOCIADAS VOTANTES CONSTITUCIÓN DA ASEMBLEA XERAL

Con motivo da celebración da Asemblea Xeral, todos os membros participantes deberán acreditarse ante a mesma, entregando as correspondentes credenciais e, especificamente, a que habilita para poder votar á persoa que vaia no nome e representación doutro asociado. A relación das persoas acreditadas ante a Mesa deberá estar a disposición do/a Presidente/a da mesma antes de comezar a sesión.

As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría das Salas Asociadas acreditadas con dereito a voto, e en segunda convocatoria calquera que sexa o número de Salas Asociadas acreditadas con dereito a voto.

ARTIGO 30º.- ADOPCIÓN DE ACORDOS NA ASEMBLEA XERAL

Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen os negativos, non sendo computables a estes efectos os votos en branco nin as abstencións. Se, chegado o momento da votación ou xa celebrada esta, resultase que non se acada a maioría simple necesaria, posporase a votación polo prazo máximo dunha hora. Se transcorrido este prazo tampouco se puidera acadar dita maioría, o asunto poderá ser sometido á decisión da Asemblea Xeral nunha seguinte sesión extraordinaria convocada ao efecto.

Non obstante, será necesaria maioría cualificada das persoas presentes ou representadas para os acordos relativos á disolución da Asociación, modificación de Estatutos, disposición ou alleamento de bens, ingreso de novas Salas Asociadas, remuneración dos membros do órgano de representación e calquera outro descrito como tal.

Entenderase que existe esta maioría cualificada cando o número de votos emitidos polos Asociados presentes ou representados supere a metade do censo total.

Se, chegado o momento da votación ou xa celebrada esta, resultase que non se acada a maioría cualificada necesaria, a Xunta Directiva decidirá por maioría simple se desexa:

a) realizar unha nova votación no prazo máximo de 1 hora na que se volva requirir a maioría cualificada para a adopción do acordo.
b) realizar unha nova votación no prazo máximo de 1 hora na que se requira unicamente a maioría simple para a adopción do acordo.
c) que o asunto sexa sometido á decisión da Asemblea Xeral nunha seguinte sesión extraordinaria convocada ao efecto.

Se tras as votacións establecidas nos apartados a) e b) non se alcanzasen as maiorías establecidas, o asunto poderá ser sometido á decisión da Asemblea Xeral nunha seguinte sesión extraordinaria convocada ao efecto.

ARTIGO 31º.- FACULTADES DA ASEMBLEA XERAL

Son facultades da Asemblea Xeral:

  1. Nomeamento dos membros da Xunta Directiva.
  2. Modificación de estatutos.
  3. Aprobar, no seu caso, a xestión da Xunta Directiva.
  4. Aprobar ou rexeitar as propostas da Xunta Directiva, en orde ás actividades de CLUBTURA.
  5. Fixar as cotas ordinarias e extraordinarias.
  6. Examinar e aprobar o estado de contas.
  7. Calquera outra que non sexa competencia da Asamblea extraordinaria.
  8. Acordar a remuneración, no seu caso, dos membros de representación.
  9. Disolución da Asociación.
  10. Disposición e enaxenación de bens.
  11. Expulsión de Asociados a propuesta da Xunta Directiva.
  12. Solicitude de declaración de utilidad pública.
  13. Aprobar a incorporación ou separación doutras Asociacións

ARTIGO 32º.- LEVANTAMENTO DE ACTA

De todas as reunións da Asemblea Xeral, tanto ordinarias como extraordinarias, o/a Secretario/a levantará acta, na que se incluirá unha relación detallada das materias debatidas, participantes, membros ausentes e presentes na Asemblea, incidencias producidas e acordos adoptados.

As actas asinaranse polo/a Presidente/a e polo/a Secretario/a e quedarán recollidas por este último nun Libro de Actas. Ademais, serán remitidas polo/a Secretario/a nun prazo máximo de 10 (dez) días a partir da data da realización da Asemblea a todas as Salas Asociadas que o soliciten.

As Salas Asociadas poderán presentar reclamacións sobre o contido das actas ata seis meses antes da seguinte Asemblea Xeral, na que se procederá á súa aprobación definitiva.

ARTIGO 33°.- A MESA DA ASEMBLEA XERAL

A Mesa é o órgano reitor da Asemblea Xeral reunida en sesión Ordinaria e Extraordinaria e estará integrada polos membros que compoñen a Xunta Directiva ou polos que esta designe.

O/a Presidente/a dirixe e coordina a acción da Mesa, encargando ao/á Secretario/a a tarefa de funcionamento dos debates, o mantemento da orde dos mesmos e o cumprimento do Regulamento. No caso de dúbida na interpretación do Regulamento ou para supostos non regulamentados, se se producira algún conflito en canto á súa correcta aplicación, procederase á súa resolución pola Asemblea a través de votación a man alzada.

CAPÍTULO VI: RÉXIME DE ADMINISTRACIÓN, CONTABILIDADE, DOCUMENTACIÓN E FINANCIAMENTO.

ARTIGO 34º.- ADMINISTRACIÓN E CONTABILIDADE

Os exercicios sociais e a liquidación económica dos mesmos darán comezo o 1 de xaneiro e finalizarán o 31 de decembro do mesmo ano.

A Asociación disporá dunha relación actualizada dos Asociados. Así mesmo, a Xunta Directiva levará unha contabilidade onde quedará reflectida a imaxe fiel do patrimonio, os resultados, a situación financeira da entidade e as actividades realizadas. Tamén disporá dun inventario actualizado dos seus bens. A Xunta Directiva elaborará e someterá á aprobación da Asemblea Xeral os orzamentos anuais e o estado de contas. Nun Libro de Actas figurarán as correspondentes ás reunións que celebren os seus órganos de goberno e representación.

A Xunta Directiva determinará as normas para a administración e contabilidade, sendo ordenador de pagos o/a Secretario/a coa aprobación do/a Presidente/a de CLUBTURA.

O/a Secretario/a coidará da conservación dos fondos na forma que se dispoña e asinará todos os documentos de cobros e pagos.

ARTIGO 35º.- FINANCIAMENTO

Esta Asociación non ten patrimonio inicial ou fundacional.

Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento dos fins e actividades de CLUBTURA serán os seguintes:

  1. As cotas periódicas e as cotas extraordinarias. A asignación de cotas será competencia da Asemblea.
  2. As subvencións, doazóns, legados ou herdanzas que puidera recibir de forma legal por parte dos Asociados, de terceiras persoas ou institucións.
  3. Calquera outro recurso lícito.
  4. As vendas dos seus bens e valores.
  5. Calquera outro recurso obtido de conformidade coas disposicións legais e preceptos estatutarios.
  6. A cota trimestral satisfarase ao inicio de cada exercicio, a solicitude do/a Secretario/a.
  7. En caso de dimisión ou expulsión dunha organización membro, CLUBTURA ten o dereito de reclamarlle a cota correspondente ao semestre en curso, sen prexuízo dos atrasos.
  8. Para cada exercicio económico será elaborado un orzamento xeral de ingresos e gastos, con suxeición ás normas contidas nos presentes Estatutos.
  9. Patrocinios de marcas comerciais.

CAPÍTULO VII: DISOLUCIÓN

ARTIGO 36º.- CAUSAS DE DISOLUCIÓN

A Asociación disolverase:

a) Por vontade das Salas Asociadas.
b) Por imposibilidade de cumprir os obxectivos previstos nos Estatutos, apreciada pola Asemblea Xeral.
c) Por sentenza xudicial.

Disolverase voluntariamente cando así o acorde, por maioría cualificada, a Asemblea Xeral Extraordinaria convocada a tal efecto.

En todo caso, a Asociación non poderá disolverse mentres haxa dez Salas Asociadas que desexen continuar.

ARTIGO 37º.- COMISIÓN LIQUIDADORA

En caso de disolución, nomearase unha comisión liquidadora, a que, unha vez extinguidas as débedas e se existise sobrante líquido, repartirá o devandito sobrante a partes iguales entre os asociados. Os liquidadores terán as limitacións que establece a Lei 19/1977 do 1 de Abril.

CAPÍTULO VIII: MODIFICACIÓN DOS ESTATUTO

ARTIGO 38°.-

Os presentes Estatutos poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral, convocada ao efecto, co voto favorable da maioría cualificada dos membros presentes e representados.

O proxecto de modificación deberá ser proposto, cando menos, por unha terceira parte dos Asociados ou pola Xunta Directiva, e ser remitido a todos os Asociados cunha antelación mínima de trinta días naturais á celebración da correspondente Asemblea Xeral.

CAPÍTULO IX DISPOSICIÓN FINAL

ARTÍCULO 39°.-

Se algún Asociado ostentase a representación de CLUBTURA en calquera organismo público ou privado, comunitario, estatal ou supranacional, terá a obriga de ser fiel portavoz da expresión maioritaria da Asemblea Xeral. Estes representantes non poderán, polo tanto, adoptar posturas partidistas ou de minorías, incluso se a título individual non comparten o sentir da maioría de CLUBTURA.

Os presentes Estatutos entrarán en vigor a partir da data da súa aprobación.

CLUBTURA, Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, é unha Asociación creada adaptando os seus Estatutos á Lei 19/1977, do 1 de abril, coa finalidade de defender as salas de concertos.

En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos aplicarase a vixente Lei 19/1977, do 1 de abril, reguladora das Asociacións Empresariais, e as disposicións complementarias.

A Coruña, 6 de novembro de 2024