AS TRES SALAS FINALISTAS DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX SON MEMBROS DA ASOCIACIÓN CLUBTURA

25 de Abril de 2019

A Arca da Noe (Vilar de Santos), El Contrabajo Club (Vigo) e Sala Mardi Gras (A Coruña) competirán por alzarse co galardón Organistrum á Mellor Sala de Concertos de Galicia o vindeiro 8 de maio, na gala de entrega dos VI Premios Martín Códax.

As tres salas son membros da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, que conta con máis de 10 anos de traballo e aglutina a meirande parte das salas de concertos de Galicia.

A Coruña, 25 d abril de 2019.-

A Asociación Músicas ao Vivo fixo pública a lista dos finalistas da 6ª edición dos Premios Martín Códax da Música, que contemplan unha categoría específica para as salas de concertos: o Premio Organistrum á Mellor Sala de Concertos de Galicia.

De novo, como xa sucederá no pasado 2018, as tres salas finalistas resultan ser membros da Asociación Galega de Salas de Concertos de Galicia, CLUBTURA, cuxa directiva amosaba o seu orgullo polo recoñecemento que supón que os espazos nomeados pertenzan a un colectivo “que leva máis de 10 anos traballando por mellorar as condición de traballo dun sector que é fundamental na tarefa de manter viva a música en directo en Galicia, e por profesionalizar o eido das salas de concertos”, apunta o seu presidente, Alberto Grandío.

Os proxectos finalistas foron escollidos polas socias e socios de Músicas ao Vivo, a asociación de artistas galegos, mediante votación online entre un total de 442 proxectos inscritos: 391 grupos, 11 salas, 25 festivais e 15 espazos de comunicación musical.

A Sala Mardi Gras (A Coruña), leva 20 anos traballando a mellor música en directo. O que empezou como unha humilde proposta, unha aposta a todo ou nada pola música en vivo que, rememorando o espírito canallesco dos garitos lendarios de New  Orleans, apostaba por ofrecer un ou dous concertos semanais, pronto callou nunha cidade entendida e amante da boa música. Na actualidade Mardi Gras consolidouse como un dos locais de música en directo de referencia en Galicia, parada obrigada de artistas consagrados e emerxentes de paso pola nosa comunidade e primeiro banzo de calquera grupo galego cun mínimo de proxección nacional.

El Contrabajo (Vigo) ofrece aos seus clientes a posibilidade de gozar dunha copa escoitando boa música nun ambiente interactivo. As actuacións en directo son unha constante todas as semanas, sendo un referente na cidade olívica desde a súa apertura no verán de 2006. Ofrece unha gran variedade na súa axenda de concertos todos os xoves, venres e sábados a partir das 22:30, pero a interactividade tamén se observa nos andeis cheos de libros, que calquera pode levar para a súa casa, do mesmo xeito que pode deixar outro. Todo isto unido ao gusto pola boa música, con predilección polo Jazz e Blues, pero sen descartar Rock, Pop, Bossa, Soul…

A Arca da Noe (Vilar de Santos) é unha taberna cultural que dota de contido artístico a Vilar de Santos dende hai 5 anos, convertíndose no eixo de movemento cultural pola zona e impulsando a creatividade e o talento dos nosos artistas. Programa de forma regular. Forma parte de Clubtura dende pouco despois do seu nacemento como sala.

Agora será un xurado, integrado por profesionais da música nos ámbitos da interpretación, a industria, a formación, as salas e a comunicación, o que decidirá os proxectos premiados en cada unha das categorías. Este xurado, que tamén fará as súas escollas a través do sistema de votación online da web www.premiosmartincodaxdamusica.com, será secreto e os nomes das persoas que o integran non se farán públicos ata finalizar o proceso.

Os proxectos premiados coñeceranse o 8 de maio no transcurso da Gala de Entrega de Premios que terá lugar un ano mais no Pazo da Cultura de Pontevedra.