AS SALAS DE CONCERTOS GALEGAS ELIXEN A SÚA NOVA DIRECTIVA

14 de Febreiro de 2023

A Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, Clubtura, aprobou onte por unanimidade na Xunta Xeral celebrada en Santiago de Compostela a renovación da equipa direcrtiva, que será o encargado de liderar o traballo asociativo os vindeiros dous anos.

A nova directiva, formada por nove membros, conta con representación das catro provincias, e estará presidida por Marcos Vázquez, responsable da sala La Fábrica de Chocolate, de Vigo.

 

A Coruña, martes 14 de febreiro de 2023.-

As 36 salas de música en directo de Galicia que conforman Clubtura, a Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, única entidade representante do sector na comunidade, renovaron onte luns a súa directiva, nunha xunta xeral que tivo lugar en Santiago de Compostela, e na que a nova equipa directiva contou co apoio absoluto dos socios presentes representados.

A nova directiva, que conta con representación das catro provincias galegas, como ven sendo tradición, estará presidida por Marcos Vázquez Silva (La Fábrica de Chocolate, Vigo), que terá ao seu carón a Tomás Legido Sánchez (Sala Mardigras, A Coruña) como vicepresidente, e a Eduardo Meijueiro Rodríguez (La Pecera, Vigo) como secretario. A tesourería da entidade queda en mans de Fernando Casal Neira (Gatos, Melide),que xa ostentara o cargo na anterior directiva.

Nos postos de vogais repiten Ánxela González Porto (Borriquita de Belem, Santiago de Compostela) e Davide Paz Garza (Auriense, Ourense), e incorpóranse por primeira vez Sabela Regueira Varela (Sala Guión, Pontedeume), Celestino Freijo Andión (Sala Jagger, Lugo) e Gustavo Rey (Krazzy Kray, Cambados)

 

Unha asociación activa e comprometida

Clubtura naceu no ano 2005 coa intención de aglutinar o sector profesional das salas de música ao vivo en Galicia, e dende entón leva traballando pola profesionalización e o recoñecemos do mesmo.

Forma parte de ACCES, a Asociación Cultural Coordinadora Estatal de Salas, e, a través dela, a Live/DMA, a Asociación Europea de Salas de Concertos.

Actualmente aglutina a 36 salas de música en directo de toda Galicia -máis do 80% do sector- sendo a única entidade representativa do mesmo.