A REDE GALEGA DE MÚSICA AO VIVO PROGRAMA MÁIS DE 200 CONCERTOS NAS SALAS DE CLUBTURA

10 de Marzo de 2020

A XIII Edición da Rede Galega de Música ao Vivo contrará novamente co apoio da Asociación Galega de Salas de Conciertos, programando máis de 200 dos 250 concertos do ciclo en 18 das súas salas.

A Coruña, 9 de marzo de 2020.-

Unha iniciativa nada de  Clubtura hai 13 anos, e que demostrou se unha fórmula de éxito. Iso é a  Rede  Galega de Música  ao Vivo, un ciclo de concertos de bandas galegas en salas profesionais de concertos de toda Galicia -20 salas en total, 18 delas socias de  Clubtura-, que se desenvolve dentro da programación anual do AGADIC.

Alberto Grandío, presidente de  Clubtura, presentou esta nova edición da  Rede  Galega de Música  ao Vivo esta mañá, xunto a Jacobo Sutil, director do AGADIC, César Morán, representante de Músicas  ao Vivo, e José Méndez, vicepresidente de  Clubtura e responsable do  Garufa Club, a sala que acolleu o encontro cos medios nos que se debullou a programación dunha iniciativa que busca dignificar a música como profesión, e o labor da salas de concertos como vehículos imprescindibles para a difusión cultural e o desenvolvemento das industrias culturais.

O ciclo, que conta cunhas bases que esixen ás salas contar cunhas capacidades técnicas e unha bagaxe de programación de polo menos 25 concertos ao ano, garante que os músicos conten cunhas condicións de traballo dignas. Estas bases foron acordadas entre AGADIC,  Clubtura e Músicas  ao Vivo.

Alberto Grandío, presidente de  Clubtura, e José Méndez, vicepresidente da asociación, aproveitaron a ocasión para agradecer ao AGADIC a súa implicación co proxecto, e pedir á administración unha maior vinculación co ecosistema das salas de concertos galegas, que permiten que a música en directo chegue a todos os públicos, a pesar dos moitos impedimentos loxísticos e económicos que os profesionais do sector atopan no camiño.

As salas de  Clubtura programan máis de 2000 concertos anuais en Galicia, a maioría deles fóra de circuítos patrocinados -como o circuíto  ClubE Estrela Galicia, promovido por  Clubtura en colaboración con Estrela Galicia- ou de proxectos públicos, como a  Rede  Galega de Música  ao Vivo.

“O traballo que realizan as salas de concertos de Galicia en difusión cultural é incalculable. Non podemos esquecer que as bandas que hoxe triunfan foron primeiro pequenas bandas que non poderían crecer sen o ecosistema de salas que lles apoiou e deu espazo, e iso, nunha comunidade como Galicia, coas enormes dificultades de desprazamentos que padece, é aínda máis tremendo”, explica Alberto Grandío, “é imprescindible o apoio económico, pero, sobre todo, o apoio no labor de difusión”.

 

CONSULTA A PROGRAMACIÓN COMPLETA