O pasado 2 de xaneiro a Xunta de Galicia publicaba no DOG a que pasa a ser a nova Lei de Espectáculos de Galicia, un documento que regula a realización de calquera espectáculo público considerado de ocio na nosa comunidade autónoma. Esta nova lexislación ven substituír a anterior normativa, de 1983, que nunca fora desenrolada nun regulamento oficial.
Hai xa dous anos (na anterior lexislatura) que o Director de Emerxencias e Interior, D. Luis Menor asegurou no Parlamento que esta nova lei estaba a ser redactada co coñecemento e axuda dos colectivos do sector, pero xa naquel momento moitos dos colectivos profesionais manifestaron non ter sido informados en ningún momento.
Tal é o caso de Clubtura –Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo-, Músicos ao Vivo –Asociación de Músicos profesionais de Galicia-, MMF –Asociación nacional de Managers- ou Queremos Entrar, un colectivo xoven que loita/busca que o acceso dos menores aos diferentes concertos sexa regulado e permitido por lei
As catro asociacións tiveron que reclamar en varias ocasións á Xunta de Galicia para ser escoitadas, e tras unha xuntanza mantida hai máis dun ano, non foron requiridas en ningún momento para presentar alegacións formais ou participar en xeito algún na redacción desta nova lei, pese a que outros grupos parlamentarios si se mostraron interesados en escoitar as súas propostas.
Estes mesmos colectivos manifestan agora a súa desilusión con texto que, segundo analizan, non ten os pes ancorados na realidade do sector, e que aboca ás salas de concertos de Galicia –case todas situadas en localidades de menos de 20.000 habitantes, e case todas con aforos inferiores ás 200 persoas- á desaparición, entre outros moitos puntos, por non regular o acceso dos menores a este recintos.
Segundo a nova Lei de Espectáculos, o acceso dos menores a calquera recinto no que se celebre un espectáculo de ocio –co que se considera á música popular en directo mero entretemento e non cultura, como pode suceder cos concertos da Sinfónica de Galicia ou formacións similares, ou mesmo co teatro ou o cine- virá regulado pola Lei de Drogodependencia, que impide o acceso aos menores nos recintos onde se despache calquera tipo de bebida alcohólica. Algo que non sucede por exemplo nos locais como restaurantes ou cafeterías, onde os menores si poden acceder pero non consumir.
Para os colectivos antes mencionados esta normativa é absolutamente irresponsable co sector, abocará a toda unha xeración de mozos e mozas a non poder desfrutar da música en directo nas salas de concertos, eliminando o necesario relevo xeracional no público e conseguido, á postre, a peche de moitas salas non prazo moito máis curto do que se poida pensar, o que suporá a desaparición de moitas formacións musicais, que, coa desaparición das salas, non atoparán espazos onde comezar as súas carreiras profesionais.
Clubtura, Músicos ao Vivo, Queremos Entrar e MMF Spain instan á Xunta de Galicia a replantexar esta normativa, que nunca escoitou ao sector da música en Galicia e que foi redactada de costas ao mesmo, e especialmente o punto relativo ao acceso aos menores, un asunto que ten fácil solución contando con vontade política, como xa se demostrou en comunidades autónomas de todas as tendencias políticas, como Madrid, Comunidad Valenciana ou Aragón.


