Clubtura - Asociación Galega de Salas de Música en Vivo

A ASOCIACIÓN GALEGA DE SALAS PECHA 2023 PEDINDO MAIOR COMPROMISO PÚBLICO CO SECTOR

20 de Decembro de 2023

Clubtura, a Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, pecha este decembro un ano de intenso traballo no que o maior reto segue a ser o compromiso das entidades públicas co sector.

A Coruña, luns 18 de decembro de 2023.-

A Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, Clubtura, que aglutina ao sector en Galicia, remata este decembro un ano de intenso traballo que arrancaba oficialmente para os seus preto de 40 miembros o pasado mes de febreiro, coa súa asamblea xeral, resultado da cal xurdía unha nova directiva, encargada de representar ao sector até 2025.

Con decembro a punto de pechar a súa derradeira páxina, as salas de concertos galegas repasan un ano no que desenvolveron máis de 4000 concertos en toda Galicia. “O noso labor como garantes do acceso á cultura é fundamental nunha comunidade como a nosa”, apunta Marcos Vázquez, presidente da entidade, “porque dispersión poboacional e os problemas de comunicación entre núcleos fan especialmente relevante contar con espazos para que todo a música en directo sexa accesible a todos”.

Dende Clubtura fan especial fincapé na necesidade dun maior compromiso co sector por parte das administración públicas, especialmente das administracións locais. “Moitos concellos parecen esquecer que somos as salas de concertos as que permitimos aos músicos locais desenvolver o seu arte, as que programamos de forma constante e as que aportamos ao crecemento non estacional dentro dos municipios”, apunta Vázquez, “botamos en falta maior compromiso, apoio e recoñecemento ao sector nese sentido”.

Tras un ano no que a asociación ven de desenvolver un ciclo propio, Clube Estrella Galicia, centrado en bandas de orixe galego e patrocinado en exclusiva pola marca que máis aposta pola música en Galicia, e no que participou activamente noutros ciclos, dende a Rede Galega de Música ao Vivo ata o ciclo Girando por Salas, dende a directiva das salas galegas amósanse decididos e enfocados de cara ao 2024. “Temos por diante un ano de importantes retos, e sabemos que non será sinxelo, pero compre abórdalo con ilusión e con perspectiva. É necesario mellorar a interacción coas administracións públicas e ser capaces de chegar de forma máis eficiente ao público, que coñezan toda a programación, variada e atractiva, que as salas galegas desenvolven doce meses ao ano”.

Unha asociación activa e comprometida

Clubtura naceu no ano 2005 coa intención de aglutinar o sector profesional das salas de música ao vivo en Galicia, e dende entón leva traballando pola profesionalización e o recoñecemos do mesmo. 

Forma parte de ACCES, a Asociación Cultural Coordinadora Estatal de Salas, e, a través dela, a Live/DMA, a Asociación Europea de Salas de Concertos.

Actualmente aglutina a 36 salas de música en directo de toda Galicia -máis do 80% do sector- sendo a única entidade representativa do mesmo.