Clubtura - Asociación Galega de Salas de Música en Vivo

A Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo -Clubtura- presentou formalmente ante á Consellería de Emerxencias e Interior un documento no que expón a competencia desleal que suporía por parte da Xunta de Galicia permitir horarios diferentes de peche a categorías que teñen as mesmas capacidades programáticas atribuidas.

25 de Setembro de 2019

DESCARGA O DOCUMENTO DE ALEGACIÓNS

A Coruña, 25 de setembro de 2019.-

A Asociación Galega de Salas de Concertos – Clubtura- ven de presentar alegacións á proposta do Proxecto de Orde de Horario Xeral de Apertura e Peche dos Establecementos Abertos ao Públicopresentado pola Xunta, un documento que propón reducir o horario de apertura das salas de concertos ás 4 da mañá, mentres que permitiría ás discotecas e salas de festas permanecer abertas ata as 5 da mañá.

Para  Clubtura, o feito de non recoñecer ás salas de concertos como únicos locais capacitados para albergar música en directo é incompatible co feito de pretender reducir o seu horario. “As salas de concertos vivimos en constante competencia con outros locais que programan música en directo sen contar coas condicións que se nos esixen a nós, se coa nova normativa a Xunta reduce o noso horario a competencia desleal pasará a ser algo amparado legalmente”, explican desde o colectivo.

Tal e como se acredita no documento de alegacións  “Permitir ás salas de festa e ás discotecas competir coas salas de concertos na programación de espectáculos en vivo, pero dándolles á posibilidade de pechar máis tarde, supón legalizar a competencia desleal entre estas dúas categorías e a categoría de salas de concertos, que verá mermadas considerablemente as súas capacidades legais”.

Clubtura, único colectivo profesional que aglutina ás salas profesionais de concertos en Galicia -categoría que, nin tan se quera existía até o de agora no catálogo de actividades- presenta tamén outras tres alegacións: unha solicitando a equiparación horaria entre Salas de Concerto e Café-Espectáculo -espazos que permiten achegar a música en directo a moita poboación nunha comunidade como a galega, onde abundan os concellos de menos de 30.000 habitantes-, unha terceira solicitando unha mellor redacción no epígrafe de horarios especiais, e unha última relativa aos horarios de apertura.

A Asociación Galega de Salas de Concertos lembra á Xunta a importancia de protexer e manter vivo un sector que permite o nacemento de novos talentos musicais, e que se ve claramente discriminado fronte a outros sectores culturais, ou fronte ao ámbito dos festivais de música, que si contan co apoio e protección da Xunta de Galicia. “Galicia é unha comunidade cunha idiosincrasia moi específica, con moitos núcleos poboacionais máis comunicados e pequenos. Se non coidamos do sector da música en directo e máis concretamente das salas pequenas, maioritarias na nosa comunidade, corremos o risco de que unha enorme porcentaxe da poboación perda o acceso para vivir e gozar música en directo, o que supoñería, ademais, a desaparición paulatina dos novos proxectos musicais, que non atopan oco nos festivais, pero si nos nosos escenarios”, apuntan desde  Clubtura.