Os profesionais do sector lamentan que, tras lograr que a categoría de salas de concertos fose recoñecida como algo específico dentro do catálogo de actividades, a Xunta baléirea de contido na aprobación do decreto horario, no que se reduce o horario de apertura con respecto ao de salas de festas, mentres que a estas permíteselles programar concertos.
A Coruña, mércores 11 de decembro de 2019.-
Unha categoría baleira de contido; iso serán as salas de concertos en Galicia se o novo decreto horario aprobado pola Xunta de Galicia sae adiante. Así o denuncia Clubtura, a Asociación Galega de Salas de Concertos, que acusa o executivo autonómico de deixar desamparada a cultura e desatender as súas funcións de protección da mesma.
O pasado luns 9 de decembro a Comisión de Espectáculos daba luz verde ao trámite dun novo decreto horario, que regulará a apertura e peche dos locais regulados no catálogo de actividades. Pero, mentres no catálogo si se contempla a categoría de Salas de Concertos, algo que Clubtura pediu expresamente para dar entidade propia a todos os profesionais do sector que actualmente operan baixo a licenza de Salas de Festa, neste novo decreto horario baléirase por completo de contido esta categoría, que quedará deserta.
“É dicir: en Galicia non existirán Salas de Concertos, só Cafés Concerto ou Salas de Festa”, explica Alberto Grandío, Presidente de Clubtura e ACCES -Asociación Cultural Coordinadora Estatal de Salas privadas de música en directo-.
A razón é sinxela: segundo o catálogo de actividades, tanto Cafés Concerto como Salas de Concertos comparten a súa capacidade de programar música en directo coas Salas de Festa -categoría que xa existía no anterior catálogo e baixo a que operan as grandes salas de concertos de Galicia-. Mentres os Cafés Concerto contan cunhas esixencias técnicas menores, as Salas de Concertos e as Salas de Festa deben cumprir uns requirimentos técnicos, urbanísticos e de illamento acústico maior -e idénticos en ambos os casos-.
“O problema chega cando, no decreto horario, permítese ás Salas de Festa pechar ás 6, e esíxese ás Salas de concerto pechar ás 4:30”, explica Grandío. “Se ambas poden programar concertos, ambas teñen os mesmos requisitos técnicos, por que só as salas de concertos debemos pechar antes? Isto baleira por completo de contido a categoría, deixándoa deserta, quen vai solicitar esa licenza se existe outra coas mesmas capacidades e requisitos que lle faculta para traballar en horario máis amplo?”.
Para Clubtura este claro agravio comparativo non fai máis que constatar o evidente desinterese da Xunta por coidar e fomentar a cultura, e especialmente a música en directo en pequeno formato. “Lamentamos especialmente a actitude do responsable da Consellería de Cultura presente na Comisión, que non só votou a favor do decreto, senón que nin se queira manifestouse respecto diso cando expuxemos as nosas queixas. É lamentable que os responsables políticos encargados de velar polo recoñecemento do labor cultural da música en directo desatendan dunha maneira tan evidente e irresponsable as súas funcións”, explica Grandío.
A Asociación Galega de Salas de Concertos xa fixera públicas as súas alegacións á proposta do novo catálogo de actividades vinculado á Lei de Espectáculos presentado pola Xunta o pasado mes de setembro. Para o colectivo profesional de salas de concertos o feito de non recoñecer ás salas de concertos como únicos locais capacitados para albergar música en directo é incompatible co feito de pretender reducir o seu horario. “As salas de concertos vivimos en constante competencia con outros locais que programan música en directo sen contar coas condicións que se nos esixen a nós, se coa nova normativa a Xunta reduce o noso horario a competencia desleal pasará a ser algo amparado legalmente”, explican desde o colectivo.
A Asociación Galega de Salas de Concertos lembra á Xunta a importancia de protexer e manter vivo un sector que permite o nacemento de novos talentos musicais, e que se ve claramente discriminado fronte a outros sectores culturais, ou fronte ao ámbito dos festivais de música, que si contan co apoio e protección da Xunta de Galicia. “Galicia é unha comunidade cunha idiosincrasia moi específica, con moitos núcleos poboacionais máis comunicados e pequenos. Se non coidamos do sector da música en directo e máis concretamente das salas pequenas, maioritarias na nosa comunidade, corremos o risco de que unha enorme porcentaxe da poboación perda o acceso para vivir e gozar música en directo, o que supoñería, ademais, a desaparición paulatina dos novos proxectos musicais, que non atopan oco nos festivais, pero si nos nosos escenarios”, apuntan desde Clubtura.


